Irimia, a revista do Seminario de Crentes Galegos, abre unha nova etapa: trimestral, a toda cor e cunha aposta pola lectura pausada

"Menos frecuencia, máis fondo; menos urxencia, máis reflexión"

A histórica cabeceira chega ao número 1.078 cunha edición renovada e 500 exemplares en papel. Os temas centrais do número que acaba de saír do prelo: o pacifismo galego que cuestiona as "guerras xustas", a análise de Koldobi Velasco sobre o militarismo e a urxencia de defender o noso rural

Irimia
Irimia | 5
01 abr 2026 - 10:14

(Irimia).- Nun ecosistema mediático acelerado, fragmentado e dominado pola lóxica da inmediatez, Irimia opta por desacelerar. A revista do Seminario de Crentes Galegos vén de publicar o seu número 1.078 inaugurando unha nova etapa: periodicidade trimestral, 32 páxinas a toda cor —36 no seguinte número— e unha tiraxe de 500 exemplares en papel.

A decisión non responde só a criterios organizativos ou económicos. É, sobre todo, unha toma de posición. Nun contexto no que o noticiable se consume en tempo real nas redes, Irimia reivindica o espazo do papel como territorio para a análise demorada e a reflexión con densidade. Menos números ao ano pero máis fondo.

A renovación inclúe tamén un cambio importante de maquetación: máis presenza da imaxe, coidado gráfico e unha capa con ilustración central que dialoga co tema principal de cada entrega. A aposta estética non é superficial: forma parte dunha vontade de facer da revista un obxecto cultural recoñecible e coidado nun tempo de consumo efémero.

Moncho Valcarce
Moncho Valcarce

Pacifismo, memoria crítica e compromiso social

Baixo o lema “A Humanidade en pé de Paz”, este número que acaba de saír do prelo, constrúe un bloque central arredor da guerra. A entrevista principal é á activista antimilitarista Koldobi Velasco, que analiza o incremento do gasto militar, o papel da OTAN e o impacto das políticas de defensa no Estado español.

O tema complétase cunha conversa con integrantes de grupos internacionalistas galegos, que revisan o posicionamento do pacifismo ante os conflitos actuais e cuestionan o relato das chamadas “guerras xustas”.

Fronte ao bloque dedicado á militarización, a revista incorpora o artigo 'San como o rural non hai', asinado pola médica Tania Salgueiros desde o Courel. A proposta sitúa o foco na sustentabilidade da vida no rural galego, nun contexto de envellecemento poboacional e perda de servizos, e conecta saúde pública, comunidade e territorio.

Nova maquetación
Nova maquetación

Memoria, compromiso e cultura

O número inclúe tamén reflexións sobre a memoria histórica do movemento cristián galeguista, textos de análise social e seccións habituais de opinión e espiritualidade, mantendo o diálogo entre fe e compromiso cívico que caracteriza a publicación.

Irimia reafirma así unha liña editorial sostida ao longo de máis de catro décadas: defensa dos servizos públicos, apoio ás loitas en defensa do territorio, aposta pola lingua galega e denuncia das desigualdades estruturais.

Unha traxectoria singular no panorama galego

A Asociación Irimia naceu en 1978, no contexto da Romaxe de Crentes Galegos celebrada no Pedregal de Irimia, nas fontes do Miño, baixo o lema “Eu renazo galego”. En 1981 comezou a publicarse a revista, converténdose nun espazo de diálogo entre comunidades cristiás e realidades laicas, cun compromiso explícito coa identidade, a lingua e a cultura de Galicia.

Un espazo de pensamento galeguista e cristián cunha voz propia

A súa historia está vencellada a figuras como Xosé Chao Rego, un dos impulsores iniciais, e Victorino Pérez Prieto, primeiro director da revista. Ao longo dos anos colaboraron nela intelectuais e escritores como Miguel Suárez Abel, Marica Campo, Suso de Toro ou Manolo Rivas, configurando un espazo de pensamento galeguista e cristián cunha voz propia.

Dende entón, Irimia acumula xa 1.078 números —un fito ao alcance de poucas cabeceiras en galego, con parangón histórico en A Nosa Terra— e consolidou un público fiel ao longo de máis de catro décadas. Desde 2018, ademais, todos os seus números poden consultarse e descargarse libremente na rede grazas ao acordo co Consello da Cultura Galega, que garante a preservación e difusión íntegra da colección.

Irimia quere seguir formando parte desa pequena galaxia de publicacións comprometidas co país e coa lingua, como Sermos Galiza, Tempos Novos ou Luzes, mantendo viva unha voz que combina fe, pensamento crítico e galeguismo nun tempo de mudanzas aceleradas.

Primeiro número de Irimia, septembro 1981
Primeiro número de Irimia, septembro 1981
Menos frecuencia, máis fondo; menos urxencia, máis reflexión

A nova etapa non supón unha ruptura, senón unha reafirmación: menos frecuencia, máis fondo; menos urxencia, máis reflexión. Nun ecosistema mediático volátil, Irimia aposta por permanecer. En papel e en dixital. Con memoria e con futuro.

Las noticias de Religión Digital, todas las mañanas en tu email.
APÚNTATE AL BOLETÍN GRATUITO

Pé de foto: Portada da renovada revista Irimia e o primeiro número publicado no 1981 cun prezo de 10 pesetas

También te puede interesar

Lo último

stats