"Que estea agora dispoñible online en galego significa que a nosa lingua segue viva", dixo o arcebispo Prieto A Biblia en galego, agora dispoñible en liña

Presentación da Biblia en galego na edición en liña
Presentación da Biblia en galego na edición en liña Archicompostela

Desde 3 de xuño, calquera persoa con acceso a Internet pode consultar as Sagradas Escrituras en galego a través do portal abiblia.gal, unha iniciativa impulsada pola Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos (SEPT), que marca un antes e un despois na difusión do texto bíblico na nosa lingua

O acto de presentación celebrouse en Santiago, o martes 3 de xuño no Instituto Teolóxico Compostelano, e contou coa participación de representantes das principais institucións culturais, lingüísticas e relixiosas de Galicia

(Archicompostela.org).- Desde 3 de xuño, calquera persoa con acceso a Internet pode consultar as Sagradas Escrituras en galego a través do portal abiblia.gal, unha iniciativa impulsada pola Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos (SEPT), que marca un antes e un despois na difusión do texto bíblico na nosa lingua.
Consigue el libro despedida al papa Francisco

O acto de presentación celebrouse en Santiago, o martes 3 de xuño no Instituto Teolóxico Compostelano, e contou coa participación de representantes das principais institucións culturais, lingüísticas e relixiosas de Galicia. A sesión comezou cun repaso á historia da Biblia en galego, lembrando que a primeira edición completa viu a luz en 1989 e que a cuarta edición impresa, publicada en 2022, serviu de base para esta nova versión dixital.

Silvestre Gómez Xurxo, presidente de SEPT e responsable do proxecto, salientou que a historia da Biblia en galego é tamén a historia dun compromiso colectivo. SEPT, fundada en 1966, iniciara nos anos 60 a publicación de fragmentos bíblicos (Evanxeos, Salmos…) e decidiu en 1973 traducir a Biblia completa directamente das linguas orixinais. O resultado foi a edición de 1989, froito do traballo de 13 tradutores.

A nova versión en liña, segundo explicou, non substitúe a edición impresa, que segue a ser fundamental para o estudo e a reflexión, pero facilita o acceso para unha lectura cotiá e áxil. Gómez lamentou que non fose posible incluír audios por razóns de custo e calidade, pero celebrou que agora calquera persoa cun móbil ou ordenador pode ler a Biblia en galego desde calquera lugar do mundo. A edición dixital inclúe o nome de cada tradutor ao comezo dos libros correspondentes e está dedicada a Alfonso Zuleta e Kiko Domínguez, dous referentes históricos da SEPT.

Unha web sinxela, útil e accesible

Lois Subiela, representante de Ozono Multimedia, empresa encargada do desenvolvemento do sitio web, explicou que abiblia.gal foi deseñada para ser intuitiva, limpa e rápida, sen anuncios nin rexistros. A navegación é clara: selección entre Antigo e Novo Testamento, libros, capítulos e un paxinador que facilita o desprazamento. O deseño adapta o texto a calquera tamaño de pantalla, e os versículos aparecen numerados e destacados en azul para facilitar a consulta.

Un fito para a lingua e a cultura galegas

Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega, destacou a relevancia cultural, relixiosa e lingüística da edición dixital. Recordou que os primeiros textos bíblicos en galego datan do século XI e que a edición de 1989 foi, segundo dixo, froito do voluntariado lingüístico de cristiáns galegos. Ademais, valorou especialmente o compromiso público do actual Arcebispo de Santiago co galego na Igrexa.

Socializando e universalizando a Biblia na nosa lingua

Pola súa banda, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, definiu este paso como un “fito histórico” que permitirá socializar e universalizar a Biblia en galego. A Xunta de Galicia apoiou a edición impresa de 2022 tanto economicamente como co asesoramento lingüístico. García explicou que, grazas á tecnoloxía, os textos superan as limitacións físicas do papel e fanse accesibles a novas xeracións, dentro e fóra de Galicia.

Unha base fundamental da cultura universal

Rosario Álvarez Blanco, presidenta do Consello da Cultura Galega, puxo o foco na dimensión cultural e simbólica do proxecto, máis alá da fe: “É un avance para toda a comunidade, cun gran efecto normalizador”. Lembrou que a falta dunha Biblia en galego nos deixou durante séculos fóra de estudos lingüísticos comparados, e agora esta edición permite que Galicia entre de cheo no ámbito da investigación científica e tecnolóxica arredor dos textos bíblicos. Subliñou tamén que os textos da Biblia son unha base fundamental da cultura universal, e tela dispoñible en galego abre novas posibilidades de conexión co patrimonio común da humanidade.

A oralidade segunda

O Arcebispo de Santiago, Monseñor Francisco José Prieto Fernández, pechou o acto cualificando esta nova etapa como unha oportunidade para que a Biblia siga sendo un “texto vivo” e encontre “eco” nas novas formas de lectura dixital. Comezou agradecendo o labor de todas as persoas e institucións implicadas no proxecto e non tardou en recoñecer o atrevemento de falar da «Palabra» con maiúsculas, sobre todo cando esta se verte no idioma do pobo galego.

Mons. Prieto puxo o foco nun concepto que definiu como central: a oralidade segunda. “Cando un texto impreso ou dixital é proclamado en voz alta e pasa a ser escoitado, revive a tradición dos primeiros tempos”, explicou. Evocou as sinagogas dos primeiros séculos, onde o texto sagrado era lido en voz alta e, dese xeito, apropiado pola comunidade: «Moitos textos da Biblia chegaron ata nós porque foron escoitados e logo escritos. Esa é a forza da oralidade segunda: un texto que revive cada vez que é proclamado».

O arcebispo resaltou que esta nova edición online da Biblia en galego non é só unha ferramenta tecnolóxica, senón unha oportunidade para que a lingua galega siga sendo “lingua viva, cultural e cultual”. Ademais, engadiu que a Biblia, ao longo da historia, foi motor de normativización lingüística en moitas culturas: “O feito de que estea agora dispoñible online en galego significa que a nosa lingua segue viva, en diálogo co mundo e co transcendente”.

Tamén fixo referencia ao papel da tecnoloxía, aos retos e oportunidades que ofrece Internet e mesmo á intelixencia artificial. Mons. Francisco Prieto rematou cun agradecemento sincero ao equipo editorial, técnico e institucional que fixo posible o proxecto e animou a crentes e non crentes a achegarse ao texto: “Ler a Biblia é ler un dos textos que definiron a humanidade. E en galego, é tamén unha forma de celebrar quen somos”.

Esta edición online da Biblia en galego representa a cuarta revisión do texto e supón un paso máis na súa adaptación aos tempos actuais, co obxectivo de chegar aos recunchos máis remotos –sempre que haxa cobertura– e continuar facendo da Palabra un punto de encontro, de fe e de cultura.

Volver arriba