"Temos dereito a esperar que a salvación nos abranga a todos" Tódolos Santos
Hoxe comezamos o mes de santos, tal e como chamamos tamén o mes de novembro. A razón é que neste mes empeza sempre coa festividade de tódolos “santos”
Son estes santos os que lle dan nome ao mes no que, ademais, mañá facemos lembranza de tódolos defuntos. Así pois, hoxe e mañá santos e defuntiños andan mesturados entre si en boa compaña
| Manuel Cabada Castro*
Hoxe comezamos o mes de santos, tal e como chamamos tamén o mes de novembro. A razón é que neste mes empeza sempre coa festividade de tódolos “santos”. Son, pois, estes santos os que lle dan nome ao mes no que, ademais, mañá facemos lembranza de tódolos defuntos. Así pois, hoxe e mañá santos e defuntiños andan mesturados entre si en boa compaña.
E é bo que así sexa, porque, por un lado, os primeiros declarámolos santos só despois de finaren e, por outra parte, debemos confiar e esperar tamén que tódolos defuntos sexan aceptados polo Deus Pai de todos como queridos fillos seus e como participantes na mesa do seu reino. Lembramos hoxe, xa que logo, os nosos santos, os “normais”, os de andar por casa máis ca os oficialmente canonizados ou solemnemente considerados como tales. E mañá lembraremos os defuntos, os queridos defuntos, que na nosa terra tiveron e seguen a ter tanta relevancia cultural, social e relixiosa.
Moitas lendas, moitos imaxinarios da Galicia tradicional teñen que ver con isto. Aí está, por exemplo, a “Santa Compaña”, a celebración nestes días do tradicional Samaín, presente tamén noutras culturas celtas como a irlandesa: candeas e cabazas, que lembran as caveiras dos defuntos; magostos coa degustación das primeiras castañas e do viño novo. Todos eses rituais populares están tradicionalmente relacionados co mundo do alén, cos defuntos e cos santos, como ben saben os antropólogos.
E coido que está ben que anden xuntos no noso imaxinario santos e defuntos. Porque en realidade os santos só chegan a selo de maneira definitiva cando teñan pasado a ponte que xunta e separa as cousas do aquén e do alén. De xeito que os santos están unidos ó feito mesmo de teren cumprido entre nós a súa función benfeitora e santificadora.
As dúas festividades, Tódolos Santos e Tódolos defuntos están, xa que logo, moi relacionadas entre si. Temos, ademais, dereito a esperar que o amor que Deus Pai-Nai nos ten sexa quen de facer que a salvación que nos trae Xesús (que significa “Deus salva”) afecte universalmente a todos. Quero dicir que pola graza de Deus temos dereito a esperar que a salvación nos abranga a todos. Baseándonos sobre todo na bondade e misericordia deste Deus paternal e maternal. Deus quere salvar todos. Os teólogos fálannos neste sentido da vontade salvífica universal divina. Deus é suficientemente poderoso e misericordioso para acadar que a súa vontade de salvación e o seu amor a todos non rematen en fracaso.
Por estas e outras razóns a Igrexa celebra hoxe nunha festividade conxunta e especial “tódolos santos”, todas aquelas persoas que en moi diversos tempos, lugares e culturas foron fieis a Deus e ás súas conciencias, aínda que puidesen ter fallado máis dunha vez no seu intento en diversos momentos da súa existencia. Persoas que foron tamén pecadoras, mais que recoñeceron ante si mesmos, ante os demais e ante Deus que o foron. Pois Deus é quen de nos salvar a pesar dos nosos pecados e dos nosos fallos. E se Deus nos salva así, tamén temos dereito a esperar que algún día sexamos tamén nós lembrados e celebrados en vindeiras festividades de “Tódolos Santos”.
De maneira significativa, fálasenos hoxe na Apocalipse dunha “multitude inmensa, que ninguén daría contado, de tódalas nacións, razas, pobos e linguas”. Algo que semella estar en correspondencia con esa vontade salvífica universal de Deus que se nos manifesta en Xesús, o Fillo de Deus, no que a humanidade toda está reconciliada e “santificada”. Deus non veu no seu Fillo salvar algúns, senón todos.
Temos pleno dereito por iso a confiar e a esperar. A nosa fe nesta “inmensa multitude” de “santos”, de xente “boa”, de “corazón limpo”, “pobres, “amadores da paz”, etc., cos que grazas a Deus nos atopamos con frecuencia na vida, baséase fundamentalmente na grandeza, magnanimidade e bondade dun Deus Pai-Nai de todos. Por iso, Xoán non dubida en nos dicir na segunda Lectura cousas coma estas: “Mirade que amor nos tivo o Pai, para nos poder chamar fillos de Deus e selo de verdade”. E engade aínda: “Agora somos fillos de Deus e aínda non se manifestou o que seremos. Sabemos que cando se manifeste seremos semellantes a El, porque o veremos tal como é”. Deus amósase así meirande ca todo o que sobre el podemos maxinar. En realidade ¿podemos pensar nalgún pai ou nai que, se a cousa estivese na súa man, non convertese os seus fillos nos máis grandes, nos máis felices, nos máis ditosos, nos máis excelentes?
En calquera caso, Deus quere e busca a nosa “santidade” conxuntamente coa nosa “felicidade” por camiños que de entrada nos poderían parecer contrarios a esa mesma felicidade. Pois a felicidade só se acada polos camiños da pobreza e da solidariedade cos necesitados, cos que sofren, cos que non teñen ninguén que fale a prol deles. Ese é precisamente o estraño contido da proclamación das chamadas “benaventuranzas” ou “felicidades” que se nos anuncian hoxe no evanxeo e que non son senón un fiel retrato do que foi a vida mesma de Xesús.
Dísenos nelas efectivamente que serán benaventurados, é dicir, felices, os que teñen espírito de pobres, os que sofren e choran en comuñón cos que están aflixidos, os que non se comportan de maneira violenta por moito que a violencia os tente a eles, os que se preocupan pola realización da xustiza e loitan e traballan por ela e mais pola paz aínda que por iso sexan denunciados e perseguidos polos poderosos, os que teñen coma Xesús corazón misericordioso e non vingativo ou condenador. É dicir, os que teñen un corazón sinxelo e limpo coma as augas que flúen, transparentes e cantareiras, dunha fonte de montaña. Todos eles acadarán felicidade no interior de si mesmos e serán quen tamén de espallala arredor de si. Hoxe é, pois, un bo día para lle pregar ó Deus Pai de todos que nos encha do espírito das benaventuranzas e que a lembranza viva de tódolos santos e defuntos sirva para que poidamos participar todos, eles e nós, da súa graza e da súa gloria.
* [Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Vigo, SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos)-As Edicións do Adro). Ciclos A, B e C en tres tomos (2024-2025). Distribución: Editorial Galaxia].