Alixeirando peso pra mellor subir
María sería, xa que logo, unha muller máis do pobo. Polo tanto pobre, traballadora, identificada coas persoas coas que convivía e participando da común cultura e relixión
Adoito comentar que todos queremos vivir sempre e plenamente. Isto lévanos a querermos ser os meirandes, os máis intelixentes, os máis ricos, os máis poderosos, os máis xenerosos etc. Recoñezámolo ou non, algo diso agáchase sempre no noso interior. En principio tampouco ten que ser considerado iso como algo “malo”. Pois en realidade, con esa tendencia cara ó máis alto non facemos senón manifestar a nosa semellanza con Deus e a nosa procedencia de quen o é todo, de quen ten todo o poder e mais tódalas perfeccións que podemos maxinar. En grao infinito ademais. Sen eses desexos a humanidade deixaría de ser o que é. Se non tivésemos desexos de vivirmos sempre e, polo tanto, deixásemos de querer progresar e mellorar as cousas, deixariamos tamén en definitiva de sermos humanos.
Mais sabemos tamén que para iso, para ese progreso e para esas melloras na realidade humana, fai falla termos moi en conta os demais: as persoas que conviven connosco e que precisan da nosa axuda, como tamén nós precisamos acotío a axuda deles. Porque eles queren tamén ser persoas de valía, queren progresar e ascender, aspiran tamén a vivir sempre etc. Por iso ou colaboramos todos mutuamente respectando esa nosa común tendencia ou, se nos enfrontamos os uns contra os outros, iremos conxuntamente á ruína. É evidente que este tipo de consideracións teñen, por moi abstractas que parezan, gran relevancia política e social.
Pois ben, a festividade da Asunción de María, que celebramos sempre no verán, pode axudarnos en relación co que acabo de comentar. Só un par de reflexións. Normalmente tendemos a imaxinar Xesús e maila súa nai, María, como realidades “celestiais”, pouco relacionadas coa nosa vida corrente e natural. Algo así como tamén tendemos a considerar o papa como algo case celestial, resultándonos estraño que se comporte ou queira comportarse como unha persoa sinxela e normal. De aquí proveñen, no que se refire a María, tantas fermosas e celestiais imaxes que temos dela. Mais é posíbel que iso nos leve a pasar por alto que María, na súa vida real, debeu de ser moi distinta daquela muller “celestial” creada ou imaxinada por pintores , escultores e outros artistas. María sería, xa que logo, unha muller máis do pobo. Polo tanto pobre, traballadora, identificada coas persoas coas que convivía e participando da común cultura e relixión. Iso si, bondadosa, amante de familiares e veciños, entregada e servizal con todos cantos solicitasen calquera tipo de axuda. Por iso podería ela dicir tamén sobre si mesma o que o seu fillo dicía de si: “Non vin ser servido, senón servir”. Sabemos ben que María se consideraba a si mesma como “escrava” de Deus e, polo tanto, escrava tamén dos fillos de Deus. Dos demais. Dicía ela que Deus “reparara na humillación da súa escrava”. E como tal “escraviña”, alá se iría, por exemplo, a toda présa (como nolo refire Lucas), acompañar a súa curmá Isabel, que estaba á espera do nacemento do seu fillo Xoán o Bautista.
María espallaba así a graza de Deus, é dicir, a presenza bondadosa e misericordiosa de Deus, por onde queira que estivese. Dísenos no texto de Lucas que Isabel quedou “chea de Espírito Santo” grazas a María, que pola súa parte se sentía tamén fondamente alegre nesa visita familiar: “alégraseme o espírito –proclama alí María- en Deus, o meu Salvador”. Unha ledicia contaxiosa, porque lles vai afectar tanto a Isabel coma ó seu fillo, próximo a nacer. Isabel sentíase igualmente “alegre” ó se sentir chea tamén do “Espírito Santo”. Igual có neno, que pola súa parte -tal como se nos di- “brinca de alegría nas súas entrañas”. Amor, pois, espírito de servizo e alegría van sempre xuntos. Mais todo isto de maneira moi concreta e achegada á terra. A “humildade” de María hai que vela así no seu sentido etimolóxico orixinal de proximidade á “terra”. É xustamente por María estar moi achegada á terra, ou sexa, porque é moi “humilde”, polo que celebramos neste día a súa “Asunción” ó máis alto dos ceos.
Ela segue polo camiño que antes andou o seu Fillo Xesús e que concluíu coa súa Ascensión ós ceos. Terra e ceo están así e para sempre, trala Ascensión do Señor e a Asunción de María, estreitamente unidos. Podemos, pois, dicir que se un non se apoia ben na terra non poderá tampouco ascender ó ceo. Dito coas palabras de Xesús: “Todo o que se humilla será enxalzado e todo o que se enxalza será humillado” (Lc, 18, 14). A nai de Xesús meditara moito na grandeza de Deus e sentíase por iso moi achegada á terra. Coméntao ben no comezo daquel seu fermoso himno, o “Magnificat”, no que enxalza o poder e as marabillas de Deus: “Proclama a miña alma a grandeza do Señor”. Mais hai tamén neste himno unha clara referencia á insensatez e ilusión dos chamados “poderosos”, que se cren máis importantes e dignos de atención e respecto cós demais. Para ela, en cambio, só Deus é o único que pode ser proclamado poderoso e grande. Canta esperanza e ilusión poden suscitar aínda hoxe en moitas persoas e países estas palabras de María no seu grandioso himno!: “Manifestou [o Señor] o poder do seu brazo, dispersou os soberbios de corazón; derrubou os poderosos dos seus tronos e elevou os humildes; os famentos encheunos de bens e os ricos despediunos baleiros”.
Está claro que o Deus de Xesús e de María non está cos que se consideran “poderosos”, senón cos que se abaixan a si mesmos e se dispoñen a servir os demais. Só estes quere Deus enxalzar e encher dos seus bens e da súa ledicia. E así o fixo, programaticamente, con María.
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal)