De falar a estudantes a falar a fregueses
Texto da presentación na parroquia do Sagrado Corazón, de Vigo, dos tres tomos das homilías recollidas na obra 'Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais'
Benqueridas amigas, amigos:
Xuntámonos aquí, creando fraternidade e sororidade, aceptándonos tal e como somos, pensando ou dubidando... Tras moitas chuvias, ventos, tamén lumes, cada quen cos seus pensamentos e desexos. En canto a min, móvome entre querer e non poder, entre ser e non ser, entre o facer e desfacer. Andei por diversos sitios, pensando e repensando se o que fago ou deixo de facer ten ou non algún sentido...Agradezo especialmente, co corazón na man, aos que agora á miña beira me acompañan, especialmente Silvestre Gómez Xurxo e Nuria Núñez, cos que estou dende hai tempo en contacto, aínda que case sempre dende a distancia, se ben minorada pola proximidade que os medios técnicos ou dixitais fan posible. Deixo tamén constancia de meu agradecemento a Soledad Pite Sanjurjo polas fermosas ilustracións nas cubertas dos tres tomos. Grazas, tamén ós que vos desprazastes ata aquí para a presentación.
Quero tamén agradecer a previa relación que tiven a sorte de ter e aínda conservo, entre outras moitas persoas, con estas dúas: Xosé María Pin Millares e mais Xulio Xiz Ramil. O primeiro pola súa constante promoción e información de temáticas relacionadas con Galicia e por me poñer ademais eficazmente en contacto co segundo, Xulio Xiz, director de “Galicia Dixital”, na que dende hai moito tempo, semana tras semana, continúo a publicar textos homiléticos, ademais doutros de xénero distinto.
Polo demais, o de facer e dar homilías é algo que endexamais e en modo algún sospeitara antes de chegar destinado ó noso Colexio Apóstolo Santiago de Vigo o día 20 de setembro do ano 2010 tras moitos anos -nada máis e nada menos que corenta e un anos- en Madrid. Se a algo alá me dedicara, foi á docencia universitaria (na Universidade Comillas e na Complutense) e sobre todo á investigacións e publicacións en materias relacionadas co problema filosófico de Deus, estas sobre todo en castelán, ou coa antropoloxía social, aínda que neste eido xa tamén en galego.
O traslado a Vigo debeuse sobre todo ao interese dos Provinciais por enviar a diversas casas xesuíticas, precisadas de persoas para ir cubrindo os postos que xa entón empezaban a ficar baleiros. Algo que se ofreceu tamén a profesores que chegaran á idade da xubilación no caso sobre todo de que estes se ofrecesen. Ofrecinme eu tamén, pois, nalgún momento cando, sen pensalo moito, me sentín estrañamente movido un día a falar co Provincial, sen previo aviso a el pola miña parte, para lle manifestar tamén a miña disposición. E digo “estrañamente” porque cando me despracei de Canto Blanco a Madrid fixérao por outras razóns, mais sentinme impulsado de súpeto (e con moita “consolación”..., tal e como diría Santo Ignacio de Loiola) a lle facer unha visita para me ofrecer eu tamén. Todo isto a pesar do meu simultáneo interese en continuar investigando e publicando en Madrid, dadas as vantaxes de residir á beira mesmo da excelente biblioteca da Universidade Comillas. Mais a resposta que se me deu á esta miña oferta foi en principio negativa. De modo que pensaba que seguiría en Madrid...
Dábase ó tempo, porén, a circunstancia de que o meu amigo e compañeiro Evaristo Rivera Vázquez -grande investigador da historia da Compañía de Xesús en Galicia, afincado no colexio do Apóstol Santiago de Vigo, e director tamén do Arquivo da Compañía de Xesús en Galicia por el fundado- estaba daquela afectado pola enfermidade e non deixaba de lles pedir ós Provinciais que eu viñera para Vigo para me facer cargo do tal Arquivo. Ocorreu, pois, que a reiterada petición acadou finalmente o que pretendía. Ben verdade era que isto no fondo tampouco me deixaba de atraer, dado que o tema de Galicia e da súa recuperación lingüística e política continuaba ocupándome e preocupándome tras as previas publicacións miñas sobre o tema. Así que lle comuniquei por escrito ao Provincial en febreiro de 2007 que o meu cambio a Vigo podería quizais axudar en algo a fortalecer e fomentar a “cultura galega”. Todo isto por máis que pola miña parte continuaba a considerarme investigador de problemáticas relacionadas coa antropoloxía filosófica ou cultural e naturalmente tamén coa problemática filosófica de Deus.
Dito isto, o das homilías en galego foi algo que ocorreu accidentalmente e por suposto sen eu mesmo pretendelo. Mais había moi gratas lembranzas das que con anterioridade pronunciara na nosa igrexa dos Apóstolos o P. Seixas. O convite a min do xesuíta obreiro e amigo, Bieito Santos, para continuarmos a manter este tipo de comentarios homiléticos en galego foi determinante. Así que lle debo moito á humilde e servizal actitude de Bieito Santos, a quen lle desexo moita saúde. Pois ben, o tempo que me dediquei a redactar e darlles voz a estas homilías na nosa igrexa xesuítica dos Apóstolos -próxima a esta igrexa parroquial do Sagrado Corazón- non se estendeu alén do 11 de xullo de 2023. Foi neste mesmo día, festividade de San Bieito, cando me trasladei en novo destino cos meus trebellos á cidade da Torre de Hércules dende a viguesa e humildosa estación de Guixar.
Residín, pois, en Vigo algo menos de trece anos, moito menos dos que pasara en Madrid (aquí foran corenta e un anos). Benvida sexa, pois, a presentación destas homilías en tres tomos (a teor dos tres ciclos litúrxicos) e en formato de papel. Poderemos así, polo menos, tocalo e colocalo nun andel para que xentes de hoxe ou de mañá (grandes, mozas, nenos tamén) poidan dirixir cando queiran os seus ollos e a súa devota curiosidade cara a eles.
O resultado foi que por pouco non saín do recinto desplumado ante a clamorosa queixa de que o tivera feito de xeito tan indecoroso
Dito isto, o meu cese nas tarefas universitarias estritamente tales non freou a miña opción fundamental de escribir sobre Galicia e na lingua das nosas xentes en formas moi diversas. É dicir, as homilías terían que ser -si ou si- en galego. Aínda que isto fose en certo modo a contracorrente, polo menos nalgúns momentos, algo á marxe das miñas eucaristías en galego. Unha anécdota. Conservo na mente, en relación con isto, algúns curiosos momentos. Un bo día preguntoume o entrañábel Bieito Santos se podía ir darlles a bendición eucarística a unhas devotas mulleres que adoitaban reunirse certos días nun lateral do interior da nosa igrexa dos Apóstolos. Así o intentei facer, aínda que cometendo -todo hai que dicilo- o compresible erro de o facer en galego. O resultado foi que por pouco non saín do recinto desplumado ante a clamorosa queixa de que o tivera feito de xeito tan indecoroso... Semella que a devota concorrencia sospeitou incluso de que eu fose quizais un moinante, pois descubrín logo que pediran información a un mozo amigo, daquela enfermo de sida e que non tardaría en finar. Esta persoa adoitaba estar á porta da nosa igrexa e recibía esmola dos asistentes. Con el -coma con todos- falaba eu obviamente sempre en galego. Eramos bos amigos. Pois ben, o xeneroso mozo ante a pregunta da inquisidora señora defendeume ante ela coma cómpre, dicíndolle: “Señora, Galicia é unha nación!”...
En realidade, houbera xa polémica a finais dos anos noventa do século pasado co gallo da inauguración do retablo en pedra da “Cea” na nosa igrexa, obra de Xoán Piñeiro. Armesto Faginas escribiu daquela en relación con isto: “Lembro coma se fose hoxe, cunha emoción que aínda é capaz de humedecer os ollos, unha das homilías daquel entrañable ser, o pai Seixas, cando a obra de Xoán Piñeiro acababa de facerse pública no templo dos Apóstolos e a defensa que no curso daquela fixo porque aos ollos dalgúns eclesiásticos e segrares xerou reparos [...] En pedras e en madeiras ía deixando [Xoán Piñeiro] pegada da súa capacidade creadora e ao seu nome de pía lle engadiron o alcume de ‘fai santos’. E apóstolos e santos fixo sobre a pedra, tomando como modelos xentes das mariñeiras terras do Morrazo, algo que confesou e que escandalizou a máis dun, esquecéndose estes de que pescadores de almas, para un Reino que non é deste mundo, quería que fosen os participantes na Cea”.
Pois ben, se pola miña parte fixen algo relativamente ben feito ou, polo menos, o intentei facer sería quizais o de me dirixir aos asistentes á celebración litúrxica da “cea do Señor” dun modo sinxelo, intelixíbel e próximo aos seus quefaceres, á súa vida sinxela, ás súas vivencias, ás súas lembranzas familiares, en fin, á súa propia cultura, no caso noso a galega, dende anos e séculos sometida inxustamente a xerarcas civís e eclesiásticos de fóra de Galicia ou dun xeito ou outro controlados por eles. Que isto paseniñamente estea cambiando coido que é bo síntoma. Loitemos a prol diso. A nosas xentes, sobre todo as sinxelas e sufridas, ben o merecen. E a propósito, hai só tres días, o 23 deste mes, celebramos o Día de Rosalía: lembranza oficial do nacemento da escritora galega máis achegada á súa terra. Unha terra que é tamén a nosa. Tal e como o foi para o Xesús da Boa Nova a súa propia terra.
Sexamos, pois, fieis á terra, pois a terra está desde sempre vencellada ao Fillo de Deus que nela se fixo un de nós, uníndonos así e para sempre á absoluta infinitude dun Deus que non pode non deixar as súas pegadas en canto procede del.
E para rematar vai unha anécdota que pode vir a conto. No ano 1963 (en tempos xa da celebración do Concilio Vaticano II) fun ordenado sacerdote con moitos outros compañeiros (entre eles Segundo Montes Mozo, masacrado xunto con Ignacio Ellacuría, tamén compañeiro meu, en América) na cidade de Innsbruck no día de Santiago Apóstolo. Esta data non tiña nada que ver coa festividade do Apóstolo, senón que era o día festivo da padroeira da cidade, Santa Ana, e no día seguinte celebrábanse as misas novas, das que freguesas e fregueses eran moi devotos. Pois ben, como preparación para un día tan grande, dirixiunos uns días de retiro o ben coñecido e profesor noso de Liturxia, Josef Andreas Jungmann. Pois ben, foi en tal retiro cando nos informou do seguinte. O xesuíta austríaco publicara en alemán o seu famoso libro “Missarum Solemnia”, onde defendía a tese fundamental de que a misa non era propiamente un “sacrificio”, senón “acción de grazas”. Resultou, porén, que pouco despois se editou a edición en castelán co seguinte título: “El sacrificio de la misa”... É dicir, xustamente o contrario do defendido por el na súa obra. Na redacción destas modestas homilías endexamais esquecín isto. MOITAS GRAZAS!
----
[Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Vigo, SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos) - As Edicións do Adro). Ciclos A, B e C. Tres tomos (2024-2025). Distribución: Editorial Galaxia]